Novas
Contido coa etiqueta .
San Lázaro
Ourense celebra o San Lázaro e a queima das Madamitas
26/03/2023 21:37
"Non sei de ningún punto de España en que haxa algo igual a isto; o máis similar, as Fallas, pero isto está máis comprimido".
Tanto como as Fallas non é, pero, desde logo, expectación non falta. Aquí son moitos os que hoxe non poden evitar botar a vista atrás.
"Lázaro, Ramos e en Pascuas estamos. O San Lázaro sempre atrae moita xente".
Moita xente e moito ambiente nas rúas. A festa, contan, algo foi mudando co tempo, pero en esencia todo segue igual.
"Daquela había uns gaiteiros, despois houbo bandas, pero agora vai doutra forma".
Tradición no San Lázaro é tamén a queima das Madamitas.
"Para darlle a benvida á primavera, supoño. Hai que seguir coa tradición e co que se facía antes, e que non morra".
Un espectáculo pirotécnico co que contan queda atrás todo o malo e dáse a benvida á primavera entre ruído, pólvora, fume e fogos de artificio.
E antes de marchar...
"É típico vir para as rosquillas aquí o domingo, encántanme, están riquísimas".
A celebración ten tamén o seu lado relixioso, pero é sobre todo tradición. Unha festa para grandes e pequenos que serve ademais para albiscar cada ano a chegada da Semana Santa.